Noite triunfal de Essaadaoui e Sara Pérez na IV Nocturna Correndo por Vigo-Pizza Móvil
O marroquí afincado en Salceda de Caselas Akka Essaadaoui e a mosense Sara Pérez impuxéronse na cuarta edición da Nocturna Correndo por Vigo-Pizza Móbil, que reuniu a máis de 700 atletas na contorna da Florida. Na proba de 5 quilómetros, o triunfo foi para o compostelán Pedro Nimo e a triatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio, que representará a España nos Xogos Paralímpicos de Río de Janeiro.
A proba organizada polo Club Deportes Carlos Miguel volveu ter unha boa resposta por parte dos afeccionados ao atletismo popular. 738 persoas cruzaron a liña de meta nalgunha das dúas distancias. Na proba reina, a dos 10 quilómetros, Akka Essaadaoui foi o máis rápido ao completar a carreira nun tempo de 33:02, con apenas quince segundos de vantaxe con respecto a José Alberto Bastos, segundo. O podio completouno Rubén Pereira, que parou o crono en 33:34.
Mentres, en categoría feminina a mellor foi a mosense Sara Pérez, a única capaz de baixar dos 40 minutos (39:40). En segunda posición acabou Sofía Freaza, cun tempo de 40:24, e o terceiro posto foi para a veterana atleta viguesa Ronsel Estévez, olímpica nos Xogos de Barcelona 1992. Parou o crono en 42:42.
Polo que respecta á carreira de 5 quilómetros, o triunfo foi para outro atleta internacional con España, o santiagués Pedro Nimo, que parou o cronómetro nun tempo de 17:59 e avantaxou en apenas dous segundos a Perico Vázquez. O terceiro posto foi para José Avendaño, cun tempo de 18:06.
En categoría feminina, o triunfo foi para a triatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio, que afrontou a proba como parte do seu camiño cara aos Xogos Paralímpicos de Río de Janeiro, onde buscará unha medalla que engadir ao seu extenso palmarés internacional. Por detrás de Susana, que fixo un tempo de 21:40, chegaron Soraya Rial (21:53) e Pilar Pérez González, que completou cun tempo de 23:19 o podio.
Sorry, the comment form is closed at this time.