Víctor Riobó e Saleta Castro coróanse reis viquingos na III Romaría Viquinga 10k

Víctor Riobó, padriño da proba, volve revalidar o primeiro posto conseguido na anterior edición. A madriña, Solange Pereira, non puido competir na 10k por motivos deportivos

A Romaría Viquinga 10k conságrase como unha das probas referentes da comarca, con 850 inscritos en todas as categorías

 O atleta Víctor Riobó e a triatleta Saleta Castro coróanse reis viquingos na III Romaría 10k, disputada esta mediodía en Catoira (Pontevedra).

Víctor Riobó, padriño da carreira, conseguiu un tempo de 34,33 min e volve gañar nesta terceira edición, revalidando o primeiro posto do ano pasado. O marinense, campión de España de Mina, estivo acompañado no podium polo triatleta Gustavo Rodríguez, que conseguiu un tempo de 34,41 min. O deportista tudense, é campión de España e de Galicia de duatlon e de triatlon. O terceiro mellor tempo alcanzouno Álvaro Prieto, deportista do club pontevedrés Miler, cunha marca de 34,51 min.

En categoría feminina gañou a triatleta Saleta Castro, que recentemente participou no Ironman de Hawai, parou o cronómetro nos 41,46 min. Seguiuna Mariña González, do club Orixinal MGM Team cun tempo de 42,28 min. Pechou os tres primeiros postos Karina Pasarín, deportista do club Montepenarrubia, con 43,03 min. Os participantes locais con mellores tempos foron Carlos Busto e Rebeca Pardo.

Esta terceira edición da Romaría Viquinga 10k, presentada polo xornalista deportivo da Televisión de Galicia, Terio Carreira, conseguiu record de inscritos, con 850 participantes en todas as categorías: absoluta, veteranos a, b, c, cadete, infantil, alevín, benxamín, prebenxamín e pitufos, o que converte a esta proba como unha das máis concorridas da comarca.

O acto de entrega de premios estivo presidido polo alcalde de Catoira, Alberto García e polos concelleiros de Deporte e de Cultura, Ramón Bouzas e Purificación Quintas, respectivamente. Os galardoados en categoría absoluta recibiron o seu casco e espada viquinga, elaborada polo artesán José Manuel Vázquez Millán. O resto de premiados levaron un casco simbólico e un trofeo, confeccionado pola artesá de Catoira Mar Barral.

Ao finalizar a carreira, os participantes puideron recargar pilas con froita, bebidas isotópicas e pizza. A proba estivo animada polos grupos de batuka “Os da Caña” e polo de zumba “Móvete con nós”.

Sen comentarios

Sorry, the comment form is closed at this time.